a história da gata que subiu ao tellado e non soubo baixar
Levaba eu dias sentindo laiar un gato, pero non daba con el. Até que descobrin que era a gata, que subira ao tellado da casa veciña – que está baldeira e ruinosa — e non sabia baixar. Miaaaaau miaaaauu, dia e noite, catro dias.
Os veciños e mais eu chamamos á protectora de animais, deriváronnos á brigada verde da polícia local, estes dixeron que avisarian aos propietários do inmoble, pero a gata seguia miaaaaaau miaaaauuuuu….
Ao dia seguinte, vina pasar sen dificultade ao tellado da casa na que eu moro.
Subín ao faiado, abrinlle a claraboia, e chameina.

Logo dun anaco, achegouse miañando e amosando os dentes amenazadora pola fame e o estrés destes dias de reclusión e xexún.
Dinlle de comer; deixeille máis comida e agacheime.

Despois de estudar o terreo, e tentada polo cheiro e a fame, non o dubidou.

Hummmm…., comida e auga, todo un soño de gata!
Agora queda o máis difícil: conquerir que se vaia confiando, e baixe polas escaleiras catro andares até a horta. Case nada! Seguirei informando.
FINAL FELIZ

Hoxe subín pola mañá cedo, chamei á gata, e amoseille un anaco de carne. Saudoume coma estes dias, con ganas de lanzarse á miña mau e arrebatarme dun zarpazo a comida. Deixeille un só anaco. E polas escaleiras fun poñendo outros anacos a cada pouco, até chegar ao soto. Deixei as portas do faiado e do soto abertas, e marchei.
Ao cabo dunha hora, a carne desaparecera: Ou subira outro gato cara arriba, ou baixara a gata.
Pouco tardei en aclarar a dúbida. A señora gata xa estaba de ligue cun elegante gato con frac.


(o gato elegante)
Boteille máis comida desde a xanela da cociña, e devorouna toda mentras o cabaleiro a ouservaba.



e agora, xa goza de novo da nosa breve e fermosa selva


(ai, gatiña, non estarás pensando en subir ao tellado?)
©xosé marra / marzo 2008
Miaaau miaaaoouu miau, ou o que é o mesmo: fermosísima historia, esta da gata. Desas que amosan que os homes, ás veces, poden ser aínda mellores que os bechos. E dalo todo sen recibir nada a cambio, cousa que, certamente, non fan os gatos nin o farán nunca. Tés nome para esta veciña en apuros e para o seu micho amigo? Se non, hai que llelos buscar, xa!
Estupenda reportaxe gráfica e felina, todo o mundo o comenta por Santiago (de feito, xa nos imos enganchando todos aos blogs dun-tal-Marra). Ainda que hoxe, o que me ten impresionada é a foto (ou máis ben as fotos) que saen mañá na parte nacional (nacional galega)do diario El País. Vaia cornamentas de vaca cachena que che sacaches da manga, amigo Marra! Tal colosal retrato foi elexido por este goberno de transición de fin de semana (entre xefe e xefe, que veñen os luns)como foto de primeira.
Asinado: Carlos, Fernando e Silvia