Escritos 2
os corpos son para o verao
Abro a xanela malva, cor de estrena. Mentras bebo o café escoito o ar nas follas da cerdeira. E os pardais e os vencellos.
Pechan a porta dun coche e arrinca. Vaise. Siléncio. Pasa outro. Un home asubia e outros dan voces. Péchase outra porta e un coche marcha. Na casa veciña abren unha xanela corredeira. O vento nas follas. Os pardais.
Os meus pés espidos e o sabor do café. A dor nas costas. Un cláxon. Arnica na noite.
O tempo transcorre. Pasa o verao. Lembro o rio Celeiro. A auga, os ameneiros. As ondas na superfície. Concéntricas. Troitas enormes do lago Ness.
Acariño a planta do meu pé dereito. Pés de manteiga. Respiro fondo. Sube a enerxia. Agora o pé esquerdo. Estimulante.
Porque agora sei que hoxe espertei cun valeiro. Cun oco. Algunha peza que falta. Ocurre ás veces, e logo pasa.
Falan nenos. A xanela ponse máis malva coa luz do sol e o verde da cerdeira. Pasan máis coches. Un freno de mau e máis portas. Pasa máis xente, cantan máis paxaros.
&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&
as voces amortiguadas
As pingas da choiva mansa lavaban o mundo. Escurecian as cores. A luz baixaba.
Camiñaba engorde pola beirarrua. Pensou nun libro que, ao ilo lendo, ia perdendo as suas palabras e consumíndose. Dun só uso.
E, de súpeto, cruzou o seu camiño unha liña branca e negra. Un gato saiu veloz da xanela do soto e metéuse baixo dun coche.
Levaba xa dias rondando aquela zona.
&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&
a música da mañá
os vencellos no ceo, tolas carreiras aéreas.
ao lonxe, un merlo de cristal.
— no médio dos coches, das voces, dos pasos —
o Sol, maior.
xeránios en frol.
&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&
a horta e a xanela
heime aliar coa cochorra
atrincheirarme na horta
e amarrarme ao sabugueiro
nesa arañeira de ponlas
e de dias
facer fronte común
cos pardais e o paporroibo
heime aferrar á terra
e ás raices da cerdeira
e botar frores brancas
en cada primavera
&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&
.
é todo efímero
.
é todo efímero
nada perdura
só as cousas que non se poden tocar
é coma escribir cun lápis
coma este sol fermoso
na cerdeira
nesta mañá de sábado e paxaros
condeados a morte
pola piqueta e o ladrillo
&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&
.
as pingas da chúvia mansa
as pingas da chúvia mansa
lavan o mundo
a cerdeira ri tímida
coas suas primeiras flores
.
escurecen as cores
baixa a luz
marzo parado
.
&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&
.
,
a cara do espello
porque a alma é
a cara do espello
as máis fermosas son
as fotos que non fago
.
agora mesmo sinto fame
cando atravesa o ceo
un bólido de fume negro
e a flor do xeránio
desafia o vento
na xanela malva
co rebúmbio dos pardais
no sabugueiro
.
chove novembro
&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&&
.
cando desperto
cando desperto e abro a xanela malva
enchen os meus ollos as cores da cerdeira
caen as follas coma bolboretas amarelas
e acougan no chao para durmiren o inverno
cando volte a primavera
subirán polo tronco e agromarán nas pólas
para atrapar de novo a luz.
Ainda sem comentários.